Saturday 04 de May de 2024

O pobo de Ordes venera a súa Virxe


O día grande das festas patronais está marcado pola procesión da imaxe da Santa polas rúas do pobo. A xornada de mañá será unha homenaxe aos emigrantes da zona, nas que haberá ofrendas florais e actos conmemorativos

Chegou o día grande das festas de Ordes, no que a devoción e a veneración á imaxe da Virxe María ocupa un lugar predominante no programa de celebracións previsto para hoxe. A media mañá daba comezo a misa solemne nun templo abarrotado de xente, entre os que estaban tamén os membros do equipo do Goberno Local. Tras o oficio foi o momento de cumplir coa tradición de sacar en procesión á patroa nun percorrido que transcurríu pola avenida Alfonso Senra, mentres que a Banda de Música de Negreira marcaba o paos.

Previamente a todo isto a charanga O Recobio xa animaba as rúas e inmediacións da vila anunciando outra xornada de festexos e de diversión. Os cabezudos e os sons de Espadana Gaiteiros, así como os ritmos das orquestras Miramar e Armonía Show son os responsables de facer bailar a todos nesta xornada.

Martes será o último día de celebración. Tal e como é costume neste día o Concello de Ordes renderalles unha especial homenaxe dedicándolle esta xornada aos seus emigrantes. Está prevista a tradicional ofrenda floral no monumento erixido en honor á diáspora galega, a cal será precedida dunha misa na igrexa de Santa María de Ordes ás 13 horas. Nesta ocasión o matrimonio formado por José Manuel Mandayo Suárez e María Josefa Sánchez Uzal, naturais de Frades e Barbeiros, respectivamente, serán os representantes dos que un día tiveron que marchar en busca dun futuro próspero. Ambos emigraron sendo ben novos a Inglaterra, contando actualmente con 44 anos ás súas costas como residentes nun país estranxeiro. A nota musical nesta xornada virá por parte do grupo Embruxo Gaiteiros, da Banda de Música de Ordes e da orquestra Iris. Xa de noite o folk porá o punto e final coas actuacións de Treixadura e o grupo local Ritmo Galego.

Desvío do tráfico
Con motivo das festas patronais de Santa María ata as 9 horas do mércores, 17 de agosto, o Concello de Ordes levará a cabo distintos desvíos de tráfico ao quedar cortada a N-550 ao seu paso pola vila. Recoméndase a circulación pola Rolda Leste para aqueles vehículos que non teñan que circular pola vila de Ordes.

• Sentido Santiago-A Coruña:
– Rúa Alfonso Senra (N-550), Rúa Lagartos, Rúa Prolongación Lagartos, Rúa Galicia, Rúa Camposanto, Rúa Casabella, Rúa Alfonso Senra (N-550).
• Sentido Santiago-A Coruña por Rolda Leste
– Itinerario recomendado para os usuarios en tránsito.
• Sentido A Coruña-Santiago:
– Rúa Alfonso Senra (N-550), Rúa Rosalía de Castro, Rúa Lagartos, Rúa Alfonso Senra (N-550).
• Sentido A Coruña-Santiago por Rolda Leste
– Itinerario recomendado para usuarios en tránsito.
• Emprazamento zona excluída o tráfico polo corte Rúa Alfonso Senra (N-550):
– Dende o cruce principal, intersección Alfonso Senra (N-550), Rúa Recreo,
– Rúa Lagartos ata intersección Alfonso Senra (N-550) con Rúa Rosalía de Castro.

As paradas de autobús estarán situadas na confluencia das rúas Lagartos, O Recreo e N-550, ben preto da cafetería Nogallás. A Policía Local de Ordes agradece a colaboración de todas e todos, desculpándose de antemán polos inconvintes que estes cambios poidan ocasionar. Tamén lembran da importancia dun consumo responsable durante as festas, co fin de incidir na seguridade viaria de peóns e condutores.